A muller Lobo

Había alá en tempos, en Castela, un pai que tiña moitas fillas; unha delas comía moita carne: canta máis lle daban, máis comía. Un día o pai díxolle:

— Inda vaias comer carne cos lobos ó monte.


Foi palabra maldita. Naquela noite desapareceu sen saber que foi feito dela. Saíu e envorcallouse na area e volveuse unha fada. Unhas veces andaba de lobo e outras de muller. Foi desandando, desandando ata que chegou ó Cebreiro e ás Canellas de Agras de Tosende (Ourense). Por estes montes andou moito tempo de capitana dos lobos, facendo moitos estragos na facenda e na xente (esto cando estaba de lobo). O paradoiro era no monte do Cebreiro. Cando estaba de muller acendía o lume e xuntábanse os lobos darredor dela, e non lles deixaba facer mal ningún a ninguén.

E unha vez que viñan os do sal de Portugal, cando o sal estaba estancado, os lobos quixéronse botar a eles para os comer, e ela non os deixou, dicíndolles:


— Quietos, deixádeos pasar.


Así andou moito tempo, ata que lle levantaron a fada. Adoitaba ela ir comer fariña a un muíño e, unha vez cadroulle de estar o dono dentro; e quíxose meter por baixo da porta coma sempre, e ó meter a pata viuna o muiñeiro e cunha navalla quíxolle cortar a perna, e ó principiar a cortar, foi e meteu un berro e volveuse unha muller. Así que se viu muller tratou de ir para a súa casa preguntando de aldea en aldea ata que chegou á casa, e cando chegou tiveron moita alegría. Para o verán que segiu foron os de Tosende á sega a Castela e foron segar á casa da tal; entón preguntoulles de onde eran, e dixéronlle que eran de Tosende e de Aguís:


— Pois esas aldeas coñecíanas eu ben, e coñezo o Cebreiro e as Canellas de Agra.


— ¿E logo, como é para as coñecer?


— Pois tiven que andar por alí de fada, e fixen moitos estragos e por ningún tiven tanta pena como por un rapaz que comín, e eu estábao despedazando e el rindo cara min.



E, pois, aínda se fala por alí desa fada e agora que se estaban moi a gusto dende que ela faltara.

No hay comentarios:

 
ir arriba