Os maios
En calquera caso, o que si parece claro é que nun principio os maios naceron como un ritual para invocar dos deuses a protección dos productos sementados na terra. Trátase dun rito agrario, encamiñado a propiciar boas colleitas, un rito para favorecer a fecundiade da terra por medio da arte (maios), a música e a poesía (coplas). Por iso a festa celébrase na primavera, un tempo no que a terra empeza a desperezarse e a despertar do seu longo sono invernal, un tempo no que a vida empeza a xermolar por todas partes. Celébrase a despedida do inverno, o frolecer das plantas e a chegada dos primeiros froitos.
A dos maios é unha festa pagana, anterior á chegada do cristianismo. Pero como moitas outras foi cristianizada, e por iso moitos dos maios levan na cima unha cruz, e por iso mesmo en moitos sitios a festa dos maios celébrase o día da Santa Cruz (3 de maio).
Nos tempos modernos, os maios volveron a converterse nunha festa "pagana" ou "laica" e romperon tamén o cordón umbilical que tiñan coa agricultura e convertéronse en festas "urbanas", ligadas fundamentalmente a colexios e a grupos e asociacións culturais. Na maior parte dos casos é unha festa organizada polo concello dunha cidade ou vila. E, para motivar a participación, a festa acompáñase ordinariamente dun concurso no que se reparten diferentes premios.
Hoxendía, os maios constan de dúas partes:
- Por un lado, están os maios propiamente ditos, que son "momumentos" feitos cunha estructura de madeira, que se reviste con musgo, flores, carrabouxos... procurando empregar sempre elementos naturais. Poden ser de dous tipos: os que teñen forma cónica ou piramidal, que son os enxebres ou tradiccionais; e os maios artísticos, que teñen forma libre (pontes, eirexas, carros de vacas, cruceiros, muíños, minicentrais... ou calquera outra forma que non sexa cónica nin piramidal).
- E, por outro lado, están as coplas, que son versos normalmente de seis sílabas, en estrofas de catro versos cada unha, con rima asonante nos versos pares. As coplas poden ter contido literario referente á primavera, pero o máis normal é que teñan un contido satírico referido a acontecementos recentes. Esta crítica céntrase na maioría das veces en asuntos locais, moi cercanos á xente do pobo no que os maios se celebran. É moi habitual aproveitar as coplas para criticar ós políticos locais lembrándose das súas promesas incumpridas e pedíndolle determinadas obras ou melloras que o pobo bota en falta, como pode ser un polideportivo, o arranxo dunha rúa, o adecentamento dun parque, ou calquera outra cousa. Segundo reza a tradicción as coplas cántanse o día dos maios e o mellor que pode pasar é que o público aplauda a rabear e ría con ganas
No hay comentarios:
Publicar un comentario