Os cantos de Reis
Unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal era ir cantar polas casas. Grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea ou parroquia cantando estas pezas de literatura popular e transmitidas oralmente ó longo dos séculos. A cambio do seu cantar, a mocidade solicitaba o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.
Aínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para ir cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para monta-la festa.
En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as xaneiras, manueis ou aninovos e a vispera de Reis os cantares de reis ou aguinaldos.
Nolmalmente os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal. No caso dos cantos de Reis a temática adoita xirar arredor da visita e adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de Xosé e de María e a procura dun lugar onde parir.
Case a totalidade dos cantos de Reis relatan unha viaxe ou falan dun camiño o cal tampouco é casual se temos en conta que o Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comenza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. O Sol viaxa constantemente e o camiño representa a búsqueda dunha nova vida.
Estes cantos de Reis soían comezar cunhas estrofas de presentación dos “reiseiros” na que se pedía permiso ou licencia para cantar na casa. A continuación viña o propio relato ou canto de Reis e adoitaban finalizar cunha de loubanza ós da casa onde cantaban, en caso de obte-lo aguinaldo desexado, pero tamén podía rematar dun xeito ferinte, e mesmo insultante, no caso contrario, facendo saber ós veciños quen estaba menos disposto a comparti-los seus alimentos. De seguido tocábse unha “jota” ou muiñeira e convidaban a danzar ós da casa.
Estes tipos de cantos son melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar, con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Conforman un estilo propio de canto, guturais, pisando os finais de estrofa cos comezos. Polas letras e melodías destes cantos percíbese que son de corte culto. Moitos deles teñen que ver con cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI que foron adaptados e transformados polo pobo.
A meirande parte deles son en castelán ou castrapo, debido a súa orixe nos textos bíblicos ou eucarísticos, que eran sempre nesta lingua. Outras veces se a casa onde se cantaba era de “señoritos” entón trocábase nos cantos o galego polo castelán, para agrada-los anfitrións.
Estes cantos de Reis eran interpretados por cuadrillas ou xugadas de homes, mozos e nenos que recorren as casas dando a boa nova cantando. Estes grupos de Reiceiros compóñense dun gaiteiro e dun ou varios cantores e incorporan, ocasionalmente, percusión e instrumentos varios, sobre todo instrumentos denominados humildes (botella de anis, cunchas, paus, piñas, etc.) que eran os que se podían atopar fácilmente nas aldeas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario