Mostrando entradas con la etiqueta O galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O galego. Mostrar todas las entradas

A historia do galego I V

A partir dos 60 vanse producir cambios no eido económico e social e unha leve atenuación da censura. Exemplos deste aperturismo foron a publicación de Grial, a instauración do Día das Letras Galegas, a ampliación do mundo editorial con Ediciós do Castro, as asociacións culturais en defensa do galego...
A Universidade galega non queda á marxe destas inquedanzas e toma parte activa no proceso de recuperación coa creación no 65 da Cátedra de Lingua e Literatura Galegas e, seis anos despois, do Instituto da Lingua Galega.
A instauración do réxime democrático en España senta as condicións para a normalización do galego. Ó abeiro do disposto na Constitución Española de 1978, o Estatuto de Autonomía de Galicia (1981) establece que o galego é, xunto co castelán, lingua oficial de Galiza.
O 15 de xuño de 1983 o Parlamento de Galicia aprobaba, co consenso de tódolos grupos parlamentarios, a Lei de Normalización Lingüística de Galicia que pasa a se constituír na ferramenta legal imprescindible para o exercicio dos nosos dereitos lingüísticos.

A historia do galego III

"Rexurdimento" é o nome co que se coñece o século XIX na nosa historia e expresa nitidamente o que foi unha traxectoria de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica. A publicación en 1863 de Cantares Gallegos, obra escrita integramente en galego por Rosalía de Castro, inaugura o Rexurdimento Pleno.
A comezos do s. XX, o galeguismo evoluciona cara ó nacionalismo, provocando un salto cualitativo na utilización da lingua. Nacen as Irmandades da Fala e Galicia queda incluída na Sociedade de Nacións de Xenebra.
No ano 20 comeza a publicación de NÓS, revista que dá nome a unha xeración que procurou (e conseguiuno) saca-la cultura galega do folclorismo e do influxo unilateral da cultura castelá. A cultura galega entra en contacto coas ideas estéticas europeas e o galego é usado en obras de carácter científico.

Nos anos vinte hai un importante avance no estatus do galego, crease o Seminario de Estudios Galegos, os movementos europeos de vangarda non lle resultan alleos á lírica galega, os autores da "Xeración do 25" demostran unha grande orixinalidade creativa...
Mención á parte merece a figura polifacética de Castelao, un clásico da cultura galega en tódalas áreas en que manifesta a súa arte e que ten unha grande significación política plasmada tanto na súa obra ensaística -Sempre en Galiza- coma no seu labor no seo do Partido Galeguista, xogando un papel moi importante na aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936.

A historia do galego II

A transformación do latín en galego produciuse de maneira progresiva e imperceptible. É imposible dar unha data exacta desde a que o latín é galego. No s. VIII a lingua da igrexa e da administración era tan distante da falada que hai dous sistemas diferentes: o latín e o galego.
O documento literario máis antigo dos coñecidos, a cantiga satírica Ora faz ost'o senhor de Navarra de Joan Soares de Paiva, data do s. XII. Dos comezos do s. XIII son os primeiros documentos non literarios, Noticia de Torto e Testamento de Afonso III de Portugal
.
Entre os séculos XII e XIV o galego convértese na lingua por excelencia de toda a lírica da Península. Propiamente debemos falar de lírica galego-portuguesa.

Dese período datan composicións como: as Cantigas de Santa María, a Historia Troiana, a Crónica Troiana, os Miragres de Santiago, as Cantigas de Martín Codax...
O asentamento dunha nobreza estranxeira, intransixente coa cultura e a lingua de Galicia, a diminución da poboación, a perda de autonomía da igrexa galega... provocan que o galego estea practicamente ausente dos usos escritos. Son os chamados SÉCULOS ESCUROS e abranguen desde o XVI ó XVIII.

No s. XVIII xorden as voces de denuncia dos chamados "ilustrados", que reivindican a normalización da lingua galega. Entre eles destaca a figura de Frei Martín Sarmiento.

A historia do galego I

Os primeiros habitantes de Galiza eran de orixe preindoeuropea e ó igual que os celtas -indoeuropeos- deixaron a súa pegada na nosa lingua.

Deste xeito, atopamos no galego palabras preindoeuropeas (amorodo, lastra, veiga, etc.) e voces celtas como berce, bugallo, croio... que chegaron á nosa lingua unhas veces directamente e outras a través do latín.
Os romanos chegan a Galiza (s. 1 d.C.) moito máis tarde que ó resto da península (s. III a.C.). Comeza así unha tardía romanización que conlevou a incorporación dos celtas (e outros pobos) á lingua e cultura dos conquistadores. O latín pasaba a se converter na lingua dos galegos, mais este proceso non se deu de contado, senón paseniñamente por mor de casamentos e de determinadas vantaxes administrativas como a cidadanía romana, o reparto das terras, etc. O proceso de romanización tamén se deu noutros lugares, o que explica que da lingua utilizada por aquel entón, o latín vulgar, derivasen as chamadas linguas románicas.
A partir do s. V chegan a Galicia pobos de raza e lingua xermánica que non son quen de asimilaren lingüisticamente ós galego-romanos, outro tanto acontecería coa escasa presencia dos árabes no noso país e a chegada de novas vagas celtas de Bretaña. Destes contactos, o galego recibe un gran número de préstamos lingüísticos tanto xermánicos (laberca, espeto, roupa, etc) como árabes en menor medida e máis indirectamente (Mamede, laranxa, aceite, azucre...).

O galego

O galego é a "lingua propia da Galiza" gracias ós millóns de persoas que ó durante moitas xeracións soubemos mante-la nosa lingua como sinal de afirmación colectiva, tanto nos momentos de maior esplendor, como nas situacións máis complicadas e difíciles.

Actualmente máis de tres millóns de persoas falamos galego, tanto en Galiza e as zonas limítrofes (occidentes de Asturias, León e Zamora), como nas varias ducias de cidades españolas e de países onde marcharon traballa-los nosos emigrantes.

 
ir arriba