Mostrando entradas con la etiqueta historias de Lentille. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta historias de Lentille. Mostrar todas las entradas

Unha procesión en San Lourenzo nos anos 60

Veciños de Cuñas, Lentille, O Coedo, Pazos e Roucos participaban nesta procesión.
Algunhas persoas que saen nestas fotos, xa non estan entre nos, un recordo moi agarimoso para eles.

Uns reis magos dos anos 60

Un Nadal de finais dos 60 principios dos 70 os Reis Magos chegaron a San Lourenzo.

A Historia do Asasinato do Garabanés (I)

Aló polo 1925, un 26 de Xullo, era día de feira en Ribadavia.

Nun negocio de Cenlle parou o garabanés José Otero, un tratante de peles. Alí conversou con algún coñecido, e comentoulle que ía de camiño a Ribadavia, onde, de non mediar desgracia, había cobrar unhas 25000 pesetas que lle adebedaban. A súa intención, ademáis, segundo contou, era voltar axiña, porque era tempo de sega na súa casa e todas as mans facían falla.

Cando marchou camiño de Ribadavia, o garabanés ignoraba que probablemente aquela conversa fora atendida con interese por un seu asasino.

Cara ás tres do serán, o garabanés viña de volta pola Corredoira, entre Cenlle e San Amaro. Detrás dunhas penas agardábao a morte. Os asasinos cortáronlle o paso, disparáronlle e deixárono no camiño.

Serafín viña de pedir esmola por Salamonde. A súa mala administración e máis a afección ao viño fixeran da esmola o seu modo de vida. O sol do verán rabuñaba no lombo e na testa, e Serafín deitouse á sombra dun carballo.

Ao sentir o disparo, Serafín espertou sobresaltado, a tempo de ver o corpo do garabanés caer do cabalo.

Mentres o cabalo, asustado, galopaba dereito á casa, preto de Maside, Serafín puido ver aos asasinos apañar a carteira do garabanés morto. E recoñeceunos. Eran dous veciños de Cenlle.

De volta en Lentille, aínda asustado e atordado, bateu cunha veciña e contoulle canto vira. Por canto tiña ben gañada a súa sona de bebedor, e porque ademáis os veciños de Cenlle por el sinalados viñan sendo de boas familia, a vella, alarmada e precavida, aconselloulle que calase a boca e non se metera en líos.

A Historia do Asasinato do Garabanés (e II).

Pasaran tres ou catro meses cando, estando Serafín nun enterro en San Lourenzo, os curas convidárono a uns viños e deron en falar do acontecido co garabanés. Serafín, animado polo viño, contou canto vira e deu os nomes dos asasinos.

Os curas, sorprendidos, puxérono en coñecemento da Guardia Civil, e a Guardia Civil presentouse en Lentille na procura de Serafín, que vivía na casa que foi despois do Luis do Gas.

Que faria o Serafín que o levan preso? O Serafín ceaba e durmía na mellor pensión de Leiro, onde había declarar perante o xuiz á mañá seguinte, alleo á intriga dos seus veciños en Lentille.

Ás familias dos asasinos e á xente de Cenlle xa chegara a nova do testimonio do Serafín, e, por descontado, non lle daban creto ningún.

Pero a Guardia Civil levou ao Serafín de volta á Corredoira, e alí reproduciron o acontecido segundo o seu testimonio, quedando demostrado que canto contaba era certo.

Os asasinos foron presos. Estiveron detidos no Cuartel do Carballiño, pero alí pagaron unha fianza e fuxiron, un pra Portugal e outro prá Arxentina, de onde nunca voltaron.

No lugar onde foi asasinado o Garabanés, aínda hoxe unha cruz reza:

AQUÍ FUE VILMENTE ASESINADO Y ROBADO JOSÉ OTERO.

O máis triste desta triste historia, segundo contan, é que José Otero non cobrara finalmente aquela débeda na Feira de Ribadavia. De xeito que o Garabanés foi asasinado por unhas 25000 pesetas que non puideron roubarlle.

¿E que foi do Serafín?

Pasaron os anos, pero pra Serafín non mudaron moito as cousas. Un día Viña de pedir en Leiro, cando ao pasar por Pazos deu en parar nunha bodega onde estaban a facer augardente. Déronlle unha copa da que chaman a da cabeza, augardente de alta gradación, a primeira que sae na destilación, que non se debe beber. E caeu fulminado. Alí mesmo. Alí morreu Serafín, pero non foi alí onde o atopou un veciño de Lentille á mañá seguinte. Os que lle deran de beber, os que o mataran, cargaron o corpo e guindárono na Lebada, nas viñas de Lentille. Como un farrapo.

A tenda do Luis do Gas

Aló polo 1940 había unha tenda en Lentille, no Eiteiriño. A tenda do Luís do Gas. Vendía pedras prós esqueiros, cordóns prós zapatos, barricas de arenques, velas, figos, gaseosa ou raia seca.

Na tenda do Luís do Gas non había mostrador. Nin mesas. Nin sillas. Pero aínda con todo era o lugar de reunión dos veciños de Lentille. Á noitiña xogábanse partidas de cartas con caixas de gaseosa por mesa e a frouma do chan por asento.

Mesmo tiña a súa peña futbolística a tenda do Luís do Gas. El encargábase de cobrar e pagar as apostas. As apostas de veciños doutras aldeas ou vilas pagábaas os domingos na misa.

Nos anos 60 a tenda do Luis do Gas fechou. E xa nunca outra tenda houbo en Lentille.

 
ir arriba