Razas autoctonas caninas galegas

Can de palleiro
  • Descrición abreviada: Animal de tronco indoeuropeo, rústico, de tipo lupoide, perfil recto, eumétrico, de tamaño medio; mesodolicomorfo, de proporcións harmónicas e de constitución forte, ósos bastante anchos, característica da súa raza.

    Pelo espeso e tupido e cor da capa normalmente uniforme aínda que con gran variedade: desde areas, canelas, castaños, leonados e incluso negros. En ocasións, capa binaria alobada.
  • Orixe da raza: Can de tronco indoeuropeo, o seu agriotipo foi o principal antepasado dos cans de campesiño de Centro Europa, acompañando aos pobos precélticos atlánticos, centroeuropeos e nórdicos nas sucesivas ondas de invasión (celtas, suevos, visigodos e normandos) que poboaron a vertente atlántica noroccidental da Península Ibérica.
  • Aptitude produtiva: can pastor e tamén de garda. Moi intelixente, presenta un carácter forte e reservado cos estraños. Destaca a súa estabilidade psíquica propia dun can pastor.






Guicho ou Quisquelo

  • Descrición abreviada: Animal de tipo lupoide, de perfil recto, de pequeno tamaño, mesomorfo, harmonioso nas súas proporcións, coas orellas guichas, de onde toma o nome.

    O pelo é denso, mesto e de lonxitude media. En canto á cor da capa, practicamente atópanse todas, normalmente cunha cor uniforme ou tamén binarios ou ternarios; así como exemplares alobados, atigrados ou grises.
  • Orixe da raza: Tamén indoeuropeo, sendo unha das razas máis antigas da Península Ibérica. Foi traído probablemente polos pobos precélticos atlánticos e os celtas, xunto co resto de invasións nórdicas e xermánicas.
  • Aptitude produtiva: presenta un carácter inquedo e vivaz que, xunto coa súa rusticidade, combatividade, bravura, axilidade, resistencia e tenacidade sobre o terreo e a súa particular forma de furar as toxeiras, fano inmellorable na caza do coello de monte en Galicia.


Perdigueiro galego

  • Descrición abreviada: Can tipo bracoide, de tamaño mediano, eumétrico e mesomorfo; ben proporcionado, de aspecto rexo, con peito amplo e con estrutura sólida, trotador, de movementos flexibles, forte e resistente.

    A pel debe ser delgada e adherida ao corpo. A cor da capa, branca e pencada ou manchada en castaño, laranxa, canela ou negro. Mantos ternarios, tricolores brancos en castaño e negro, con manchas lume nas cellas e meixelas. Tamén poden ser uniformes en castaño, amarelo ou negro.
  • Orixe da raza: Remóntase ao tipo antigo de braco italiano que, orixinalmente, chegou a Hispania da man dos romanos, establecéndose na zona comprendida entre o norte da provincia da Lusitania e o suroeste do que hoxe é Francia, sufrindo cambios morfolóxicos nas diferentes rexións xeográficas.
  • Aptitude produtiva: Dadas as súas características, trátase dun animal excelente como can de mostra e bo cobrador, realizándoo tanto en terra como en auga.

Podengo galego

  • Descrición abreviada: Tipo primitivo, graioide, de tamaño mediano, lixeiro, sublonxilíneo e dolicomórfico. Moi rústico, austero, sobrio, áxil, con gran capacidade olfactiva, auditiva e visual, xunto coa astucia.

    Pel de mediano grosor e pegada ao corpo. Capa unicolor canela en todos os seus gradientes. Ocasionalmente animais brancos marxeados en canela ou laranxa. Frecuentemente acolarados, manchados no peito, testa, cola, punta dos pés, e tamén calzados en branco.
  • Orixe da raza: Xa estaba presente no antigo Exipto (IV milenio a. C.) e era coñecido co nome de tesem ou lebrel exipcio de orellas rectas, así como tamén en Eritrea e Somalia. Proviña, moi probablemente, do antigo can neolítico das sabanas saharianas; sendo estendido polas rutas comerciais, ao longo de toda a conca mediterránea.
  • Aptitude produtiva: Animal levantador da peza. é un cazador astuto, incansable, verdadeiro auxiliar para o home, pois ademais do nariz emprega moito o oído e a vista en apoio do olfacto. Cobra ben a peza ferida, portándoa ao cazador.

No hay comentarios:

 
ir arriba