Razas autoctonas bovinas galegas

Limiá

Ficha técnica
Nome: raza Limiá.
Outras denominacións incorrectas: vaca do país.
Área de orixe: comarca da Limia e zonas próximas do Val de Monterrei, no sur da provincia de Ourense.
Aptitudes: tripla aptitude. Destacaba, sobre todo, pola aptitude para o traballo.
Feiras onde se pode ver: Sarreaus, Vilar de Barrio, Chantada e Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galicia).

Historia e orixe da raza
Orixinaria da comarca da Limia da que toma o seu nome. Os seus exemplares acadan o maior tamaño de todas as razas bovinas autóctonas galegas, sendo considerados como “os xigantes rexionais da especie bovina”. Aínda é doado atopar nesta comarca animais mestizos de gran formato, froito da herdanza desta raza.


Razas autóctonas

Filoxeneticamente esta raza estaría encadrada no tronco Cántabro, orixinario das outras morenas, e a existencia desta raza pódese explicar, segundo Sánchez Belda (1984), pola superioridade, fronte a outras razas veciñas, debido ó seu gran porte e aptitude traccionadora. Pódese dicir que a raza Limiá foi unha grande exportadora de gando lonxe da súa comarca natural, de tal maneira que os seus bois, coñecidos e prezados, comercializábanse en Madrid e, principalmente, no País Vasco.

Son moi escasas as referencias bibliográficas ás que podemos acudir na procura de información sobre esta raza. Aparece nomeada, aínda que definida como raza ibérica, na Geografía General del Reino de Galicia (Risco, 1936), onde se destaca a súa “gran talla y aptitud para el trabajo”.

Cachena

Ficha técnica
Nome: raza Cachena.
Outras denominacións incorrectas: pisca, portuguesa, galluda, vaca do país.
Área de orixe: Baixa Limia.
Aptitudes: traballo, carne e leite.
Feiras onde se pode ver: Chantada, Zamora (xuño) e Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galicia).
Historia e orixe da raza
O nome de Cachena serve para designar unha poboación bovina estendida no suroeste ourensán, nos montes da serra do Xurés, serra do Leboreiro e montes do Quinxo, que, ao final da súa regresión censual, quedou practicamente acantoada na parroquia da Illa, concello de Entrimo; máis concretamente, na localidade de Olelas.

Para Sánchez Belda (1984) a orixe desta raza non é coñecida, aínda que polo aspecto xeral encádraa no tronco Cántabro; as encornadas distintas fanlle supoñer outra ascendencia e dependencia filoxenética. Outros autores recollen a similitude co Bos primigenius mauritanius, do que derivarían algúns bovinos do norte de África. Os estudos actuais encontran semellanzas xenéticas que indican o seu enclave no tronco Brachycero.


Razas autóctonas


As primeiras referencias escritas desta raza atopámolas na Geografía General del Reino de Galicia (Risco, 1936). Os datos foron achegados polo, daquela, inspector de Hixiene Pecuaria e xefe provincial de Gandaría de Ourense, don Javier Prado Rodríguez, Lameiro, quen entón diferenciaba entre a Cartellá “provista de grandes cuernos blanco-amarillentos con sus puntas negras dirigidas en forma de lira, mucosas aparentes de color negro, capa colorada, cabeza chata con ojos oblicuos, cuello robusto provisto de un amplio repliegue cutáneo (papada, barbadela), extremidades cortas, tronco voluminoso de raquis horizontal y grupa bien desarrollada y carnosa” e outra raza que describe como “vaquita liliputiense, rústica, que vive en libertad en pastoreo constante en las montañas del ayuntamiento de Entrimo y que, aparte de su diminuta talla, ofrece como signo característico una franja a lo largo de la cara de coloración más baja que el resto de su capa castaño-oscura y unas líneas negras alrededor de los ojos como si la res llevase gafas de gruesa montura”.


Caldelá

Ficha técnica
Nome: raza Caldelá.
Outras denominacións incorrectas: negra, vaca do país.
Área de orixe: Terra de Caldelas. Como cabeceira de comarca, Castro Caldelas. Dende aí ten influencia na área da Pobra de Trives, en Maceda e na zona limítrofe do sur de Lugo.

Aptitudes: raza de traballo. Actualmente adicada á produción de carne.
Feiras onde se pode ver: Castro Caldelas (11 de setembro), Chandrexa de Queixa, Chantada e Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galicia).


Historia e orixe da raza
Os animais desta raza, considerados no seu momento como os mellor dotados para o traballo de toda Galiza, son orixinarios da comarca que lle dá nome á raza (Terra de Caldelas), tamén se atopan exemplares nas áreas limítrofes da provincia de Lugo (Serra do Courel e no Cebreiro), onde os máis vellos do lugar lembran viaxes ás feiras de Castro Caldelas na procura dos bois caldelaos, extraordinarios animais de tiro, que tamén chegaban ás zonas máis afastadas, como Valdeorras ou O Bierzo.
Razas autóctonas



A raza Caldelá, segundo Sánchez Belda (1984), provén do tronco Negro Ibérico. Outros autores considérana derivada das importacións de gando castelán nas épocas históricas, baseados nos antecedentes existentes sobre o particular relativos ao curto reinado de Xosé Bonaparte, no que se fixeron achegas deste gando para reforzar traballos de colonización. Opinións actuais encádrana no tronco Cántabro xunto coas outras morenas de Galiza.

Ao crearse o Centro de Selección de Gando Bovino de Fontefiz no ano 1945, mercáronse dous bois e dez femias da raza Caldelá. Estes animais, xunto con algúns exemplares de Rubia Galega, son as primeiras razas que aparecen nos rexistros do centro. A raza Caldelá mantense nel ata 1955, ano no que desaparece deses rexistros, para reaparecer en 1980 cando son mercados os primeiros animais para o Programa de Recuperación, amparados baixo a imprecisa denominación de “morenas do noroeste”, actualmente en desuso.

Frieiresa

Ficha técnica
Nome: raza Frieiresa.
Outras denominacións incorrectas: vaca do país, mirandesa, portuguesa.
Área de orixe: comarca da Frieira; abrangue o concello da Mezquita e, máis concretamente, as aldeas do Pereiro, A Vilavella, A Canda, Santigoso, Castromil, Cádavos, Manzalvos, A Esculqueira e Chaguazoso, e ten como área de dispersión O Canizo e O Tameirón no Concello da Gudiña, e Hermisende e A Teixeira na provincia veciña de Zamora.
Aptitudes: tripla aptitude, traballo, leite e carne. Antigamente, máis de traballo, e hoxe oriéntase para a produción cárnica.
Feiras onde se pode ver: A Mezquita, Chantada, Viana do Bolo e Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galicia).

Historia e orixe da raza
A súa orixe, segundo French et al. (1969), deriva do gando ibérico. Sánchez Belda (1984) manifesta que esta raza é unha destacada rama do tronco Cántabro, que localmente tiña gran preponderancia sobre outras razas locais coas que convivía. Este mesmo autor di que a raza Frieiresa se formou na Frieira e que de aquí se estendeu a outras zonas, sendo antepasado doutras razas. As informacións sobre a raza son, en xeral, escasas e tampouco achegan demasiada claridade.

Razas autóctonas

Dende o punto de vista racial, a provincia de Ourense caracterizouse pola gran variedade de tipos debido ás diversas e distintas características ecolóxicas, dando orixe a grupos minoritarios, como é o caso da verinesa, á que actualmente non se lle concede nin a categoría de variedade étnica.

Vianesa

Ficha técnica
Nome: raza Vianesa.
Outras denominacións incorrectas: vaca do país, portexa.
Área de orixe: Terra do Bolo, que limita ao norte coa serra do Eixe, ao leste coa serra Calva, ao oeste co parque natural do Invernadoiro e coa serra de Queixa, e ao sur coa comarca da Frieira.

Aptitudes: antigamente era raza de traballo e boa leiteira.
Feiras onde se pode ver: Viana do Bolo (13 xuño), Chandrexa de Queixa, Castro Caldelas (11 setembro), Chantada e Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galicia).

Historia e orixe da raza
A raza Vianesa localízase na Terra do Bolo, comarca que se sitúa no oriente da provincia de Ourense, limitando con Sanabria (Zamora) e estendéndose cara aos montes do Invernadoiro e á serra de Queixa, onde existiron gran número de animais desta raza nas zonas montañosas dos concellos de Chandrexa de Queixa, Manzaneda e A Pobra de Trives, chegando ata a porción occidental do macizo central ourensán, nos concellos de Vilar de Barrio, Montederramo e Maceda.


Razas autóctonas


Como cabeceiras destas comarcas atopamos a Viana do Bolo, da cal toma nome a raza, Celeiros e A Veiga, puntos principais de comercio, e ás súas feiras nos meses de xullo, agosto e setembro acudían os tratantes de gando máis importantes a mercar xuntas de bois, que serían embarcados no ferrocarril na Rúa ou en Monforte de Lemos para ser exportados a outras rexións. As condicións orográficas de Terra do Bolo, comarca máis montañosa da provincia, dificultaron a mecanización agrícola e permitiron o mantemento dos sistemas de explotación tradicionais, necesitados de animais cunha forte adaptación ao medio, feito que lle permitiu á raza Vianesa manter o maior censo de todas as Morenas Galegas.

A raza Vianesa é, segundo Sánchez Belda (1984), unha raza derivada do tronco Cántabro, “fielmente consecuente cos trazos fundamentais, da mesma forma que resulta expresión xemelga da raza Alistano-Sanabresa”.

No hay comentarios:

 
ir arriba