O himno Galego

O texto do himno é froito da correspondencia que mantiveron Eduardo Pondal e Pascual Veiga en 1890, no que o compositor lle solicitaba ao escritor un texto para unha partitura que ía presentar con motivo dun certame que ía elixir o mellor himno galego para o caso que o premio resultase deserto. Logo de varias redaccións envíalle un primeiro texto que titulou Breogán. Pascual Veiga solicítalle algúns cambios na acentuación para adaptalo ritmicamente á música.
O texto definitivo publicouse xa como Os Pinos por primeira vez o 22 de maio de 1890 nun folleto do certame musical que convocara o Orfeón nº4 da Coruña para elixir a mellor Marcha Rexional Galega. O texto apareceu tamén n'A Monteira e en El Eco de Galicia da Habana. Ao final, aínda que houbo ensaios, o himno non se a interpretar. A maioría das versións do texto derivan do texto que apareceu na número 18 da revista Galicia da Habana en 1905. En 1935 o texto integrouse na segunda edición, realizada pola RAG, de Queixumes dos pinos, base das versións modernas do texto

O motivo central do texto é que Galiza debe acordar do seu sono (apatía política) e emprender o camiño cara a libertazón. Para iso deberá escoitar a voz dos rumorosos piñeiros, ou sexa, o pobo galego como entidade nacional histórica.

O nome do país non figura en nengures no poema, como é habitual en Pondal, e fanse referencias metafóricas ao "Fogar" e á "Nazón" de "Breogán".

Ademais do celtismo e do helenismo sempre presentes na obra de Pondal, foi a súa capacidade para penetrar nos sentimentos do pobo e expresar as súas aspiracións fundamentais, o que posibilitou o seu éxito.

.

Estrenouse na Habana en 1907 e, como a Bandeira de Galicia, é froito da emigración. Desde 1907 até 1923, o himno galego foi cantado por rexionalistas e agraristas nos seus actos e pouco a pouco foi sendo aceptado. Cando se prohibiu o uso durante a ditadura de Primo de Rivera, as sociedades galegas de América intensificaron o seu interese pola súa interpretación pública. Coa Segunda República atinxiu o recoñecemento oficial.

Evitouse durante o franquismo e mesmo durante a etapa de aperturismo só se cantaba, como moito, en actos culturais e como unha canción máis dentro do folclore galego. Dende 1960 comeza a interpretarse de xeito máis explícito, aínda que disimulando os seus aspectos ideolóxicos. En concreto, cantábase só a primeira parte.

En 1975, mentres tiñan lugar uns actos folclóricos na festa do Apóstolo, a xente comezou a erguerse para cantalo. Ao ano seguinte instaurouse este costume de xeito definitivo na Praza da Quintana, ratificado tamén polas autoridades asistentes. Os centralistas asumiríano, finalmente, na campaña electoral de 1977

No hay comentarios:

 
ir arriba