raza autoctona equina galega
Cabalo pura raza galega ![]() | |
Ficha técnica Nome: Cabalo de Pura Raza Galega. Outras denominacións incorrectas: cabalo do país, pony galego, faca galega, faca galizana. Área de orixe: Galiza. Aptitudes: equitación de ocio e deportiva. Feiras onde se pode ver: probas do Campionato Galego de Concursos Morfolóxicos do Cabalo de Pura Raza Galega. Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galiza). Equina, Salón do Cabalo de Galiza. Feira do Apóstolo e Feira da Ascensión en Santiago de Compostela. Feira da Pascua en Padrón. Feira de San Lucas en Mondoñedo. Feira de San Martiño en Teo. Diferentes curros e rapas das bestas en toda Galiza. Historia e orixe da raza O Cabalo de Pura Raza Galega galopando antano en estado salvaxe polas terras galegas formando abundantes mandas, como herdanza viva dos nosos antepasados que ocuparon esta mesma terra na que vivimos, é a única raza equina autóctona de Galiza descrita actualmente. Animal sobrio e resistente, tras entregarse ao longo de milenios como sustento alimenticio do home, foi posteriormente usado durante séculos como cabalo de guerra dos exércitos e, durante os tempos de paz, axudou nos labores dos nosos campos, pasando a formar parte do acervo natural, cultural, social, ambiental e histórico de Galiza. As primeiras evidencias da presenza de cabalos en Galiza son uns petroglifos en Viladesuso, na zona da Groba que, segundo Jalhay, representarían carros arrastrados por cabalos. A orixe dos gravados desta laxa sitúase, con toda seguridade, na Idade de Bronce; isto é, de 2.000 a 2.500 anos a. de C. Posteriormente, na área de pastoreo do curro de Sabucedo descubriuse un complexo inscultórico rupestre, no que se logrou identificar cinco cabalos, algúns deles en actitude de trote. Outra proba da existencia de cabalos salvaxes en Galiza nos tempos protohistóricos é a diadema de Ribadeo na que se observan estampacións claras de cabalos montados polo home, crías máis novas ao seu carón e guerreiros en escena. A pesar da existencia anterior de cabalos salvaxes en Galiza, hoxe a teoría máis comunmente aceptada sobre a orixe histórica do Cabalo de Pura Raza Galega é a mantida por algúns autores que afirman que coa chegada do pobo celta (600-500 a. de C.) que viña das rutas do norte, introduciuse na Península Ibérica unha nova poboación cabalar: un cabalo elipométrico de pouca alzada, de cabeza pequena, as orellas curtas, cruz dos cadrís forte, pelo basto e de capa escura. Estes autores consideran que este tipo de cabalo introducido polos celtas é o ancestro directo das razas cabalares autóctonas existentes hoxe no norte peninsular. Os arreos descubertos nas tumbas, presuntamente célticas, fan pensar que este pobo foi o primeiro en domesticar o cabalo, ata ese momento cazado exclusivamente con fins alimenticios. En tempos históricos as referencias aos cabalos que pacían nos montes de Galiza son frecuentes. Estrabón, Plinio, Marcial, Silvio Itálico e Columela, entre outros, mencionan a súa existencia e eloxian algunha das súas calidades. Son tamén frecuentes as alusións durante a época da reconquista. Así, rememórase nos Buios o día de San Bartolomeu, onde cada ano se elixían os cabalos que debían fornecer as forzas da cabalaría cristiá. A partir dos Reis Católicos, as alusións á abundancia de cría cabalar de Galiza son constantes. Está clara a vinculación entre a cría de cabalos nalgunhas zonas e a pertenza e dominio dos poderosos mosteiros. Saa Bravo di a este respecto que "é interesante lembrar como a cría cabalar, nesa forma de liberdade polos nosos montes, xa a atopamos nos días da actividade colonizadora dos monxes, século X e XI, vinculada aos núcleos que pouco a pouco van xurdindo ao redor dos mosteiros". Moitas das poboacións cabalares que aínda existen coinciden coas que noutros tempos tiveron vinculación directa cos mosteiros, coa Igrexa ou coas súas institucións. Un factor clave no delicado proceso de conservación histórica das poboacións cabalares en liberdade en Galiza foi a extrema rusticidade dos montes galegos, medio natural no que se desenvolven desde sempre, e que exerceu de barreira fronte ás mestizaxes caprichosas que desvirtuaron case todas as razas que pastoreaban antano as terras da Iberia. A opinión xeneralizada é que a poboación equina descende, en maior ou menor medida, dun tronco común, o tronco Celta, chegando aos nosos días máis ou menos mestiza, igual que toda a poboación que deu lugar a outras razas afíns, desde Portugal ata Escocia e Islandia, e que hoxe representan as seguintes razas: o Garrano portugués, o Cabalo de Pura Raza Galega, o Asturcón, de Asturias, o Pottoka Vasco, o Cabalo de Merens, o Bardigiano, de Italia, o Landés, de Francia, o Islandés, de Islandia, o Shetland e o Highland, de Escocia, o Connemara, de Irlanda, o Dartmoor, Exmoor, Galés, Fell e New Forrest, de Gran Bretaña e os extinguidos Thieldon e Faca Soriana. ![]() Todas estas poboacións equinas, aínda que procedentes dun tronco común, o Celta, estiveron sometidas ao longo dos séculos a diferentes condicións ambientais e a distintos graos de presión humana, polo que inevitablemente diverxeron respecto dunha raíz primordial; ademais, cada unha delas sufriu diferentes graos de intrusión de sangues foráneos, dando lugar a mestizaxes máis ou menos manifestas. A pesar de todos estes avatares, estas poboacións equinas mantiveron sempre bastantes trazos morfolóxicos (fenotípicos) e xenéticos en común, o que permitiu seleccionar en cada unha delas un determinado número de individuos con características identificativas de grupo (derivadas da adaptación ás circunstancias que lles tocou vivir) e conservando, ao mesmo tempo, certas peculiaridades que as fan similares entre elas e directamente relacionadas con ese tronco común. A finais da década dos oitenta e principios dos noventa a sociedade galega, e en particular a Administración autonómica e o colectivo universitario, seguindo as recomendacións de organismos internacionais como a FAO, ONU e UNEP, de protección, valoración e conservación das razas de animais domésticos en perigo de extinción, comezouse a preocupar porque, aínda que a poboación de cabalos en liberdade nos montes galegos se mantiña en censo, o acervo xenético máis primitivo estábase a perder debido á introdución nos montes, por parte dos gandeiros, de sementais mestizos doutras razas con mellores aptitudes cárnicas, para así aumentaren o rendemento da escasa produción destes animais. Moitos dos sementais introducidos perecían ao pouco por falta de resistencia a condicións ambientais e de alimentación extremas, ou incluso vítimas de depredadores. Porén, outros sementais soltados en época de primavera e verán -a de apareamentos-lograban reproducirse, o que pouco a pouco foi mestizando o gando autóctono, ata poñelo en perigo de extinción. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario