Razas autoctonas avicola galegas
Galiña de Mos | |
Ficha técnica![]() Nome: raza Galiña de Mos. Outras denominacións incorrectas: galiña piñona, galiña galega. Área de orixe: A Terra Chá, na provincia de Lugo. Aptitudes: produción mixta carne-ovos. Feiras onde se pode ver: Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galicia) Historia e orixe da raza A comezos do século XX víronse pola comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo, unhas galiñas máis grandes que as comúns, moi prezadas pola calidade das súas carnes, e que destacaban polas súas peculiares cristas. A orixe da galiña (Gallus gallus domesticus) vén do tronco común das galiñas selváticas que proceden do sueste asiático, coincidindo a maioría dos historiadores en que a especie predecesora pasa polo Gallus bankiva. Para Agenjo Cecilia (1950) a maior parte das razas actuais proceden de cruzamentos cunha ou con varias das tres grandes razas-troncos asiáticas: Cochinchina, Langsham e Brahma-Putra. Esta afirmación é compartida por Salvador Castelló (1949). Baseándose nesta clasificación, a Galiña de Mos poderíase englobar dentro da orixe Brahma-Putra, raza pola que se puido ver influída, aínda que é esta unha afirmación dificilmente contrastable e insignificante na actualidade. Atendendo a outras clasificacións máis actualizadas para os tipos básicos de razas de galiñas, como a que realiza Fernando Orozco (1989), incluímos a nosa raza entre as de tipo atlántico. Historicamente, os produtores de Capón de Vilalba seleccionaban as súas galiñas para a obtención de mellores exemplares e destinalos posteriormente para a obtención do seu produto, aínda que en moitos casos os exemplares carecían de suficiente uniformidade morfolóxica. É a partir dos anos 40 cando na antiga Estación Pecuaria Rexional de Galicia se somete a raza a un proceso de selección e fixación. Ao cargo do programa estaba o veterinario Rof Codina (1952). Adquírense os primeiros exemplares na parroquia de San Xiao de Mos, do concello de Castro de Rei, provincia de Lugo, e decídese darlle ao grupo o nome da devandita parroquia. Neses momentos descríbense as súas características brevemente. Rof Codina (1962) afirma que os capóns obtidos a partir de exemplares da raza acadaban os 5 ou 6 quilos. Tras varios anos e despois de acadar a uniformidade dos seus caracteres tanto morfolóxicos como produtivos, comeza a súa grande expansión por toda Galiza. En gran parte dos pobos de Galiza lémbrase fidedignamente a raza, aínda que aparentemente se estendeu menos pola provincia de Pontevedra. É a partir dos anos 60 cando, co afianzamento da avicultura industrial, se procede a unha rápida introdución de cruzamentos de razas de galiñas estranxeiras, moi seleccionadas, para acadar altas producións, que foron apartando ás galiñas autóctonas, caendo no esquecemento a Galiña de Mos ata chegar ao perigo de extinción. Galiña piñeira![]() Recentes investigacións deron a coñecer este tipo de galiñas. Suponse orixinaria do concello do Pino, na comarca de Arzúa. É un ave de pequeno tamaño, con carne de cor escura e un sabor que se asemella á caza. Queda tempo para lograr a súa produción a gran escala xa que aínda está en fases iniciais de recuperación. | |


















No hay comentarios:
Publicar un comentario