A Historia do Asasinato do Garabanés (e II).

Pasaran tres ou catro meses cando, estando Serafín nun enterro en San Lourenzo, os curas convidárono a uns viños e deron en falar do acontecido co garabanés. Serafín, animado polo viño, contou canto vira e deu os nomes dos asasinos.

Os curas, sorprendidos, puxérono en coñecemento da Guardia Civil, e a Guardia Civil presentouse en Lentille na procura de Serafín, que vivía na casa que foi despois do Luis do Gas.

Que faria o Serafín que o levan preso? O Serafín ceaba e durmía na mellor pensión de Leiro, onde había declarar perante o xuiz á mañá seguinte, alleo á intriga dos seus veciños en Lentille.

Ás familias dos asasinos e á xente de Cenlle xa chegara a nova do testimonio do Serafín, e, por descontado, non lle daban creto ningún.

Pero a Guardia Civil levou ao Serafín de volta á Corredoira, e alí reproduciron o acontecido segundo o seu testimonio, quedando demostrado que canto contaba era certo.

Os asasinos foron presos. Estiveron detidos no Cuartel do Carballiño, pero alí pagaron unha fianza e fuxiron, un pra Portugal e outro prá Arxentina, de onde nunca voltaron.

No lugar onde foi asasinado o Garabanés, aínda hoxe unha cruz reza:

AQUÍ FUE VILMENTE ASESINADO Y ROBADO JOSÉ OTERO.

O máis triste desta triste historia, segundo contan, é que José Otero non cobrara finalmente aquela débeda na Feira de Ribadavia. De xeito que o Garabanés foi asasinado por unhas 25000 pesetas que non puideron roubarlle.

¿E que foi do Serafín?

Pasaron os anos, pero pra Serafín non mudaron moito as cousas. Un día Viña de pedir en Leiro, cando ao pasar por Pazos deu en parar nunha bodega onde estaban a facer augardente. Déronlle unha copa da que chaman a da cabeza, augardente de alta gradación, a primeira que sae na destilación, que non se debe beber. E caeu fulminado. Alí mesmo. Alí morreu Serafín, pero non foi alí onde o atopou un veciño de Lentille á mañá seguinte. Os que lle deran de beber, os que o mataran, cargaron o corpo e guindárono na Lebada, nas viñas de Lentille. Como un farrapo.

No hay comentarios:

 
ir arriba