A Historia do Asasinato do Garabanés (I)

Aló polo 1925, un 26 de Xullo, era día de feira en Ribadavia.

Nun negocio de Cenlle parou o garabanés José Otero, un tratante de peles. Alí conversou con algún coñecido, e comentoulle que ía de camiño a Ribadavia, onde, de non mediar desgracia, había cobrar unhas 25000 pesetas que lle adebedaban. A súa intención, ademáis, segundo contou, era voltar axiña, porque era tempo de sega na súa casa e todas as mans facían falla.

Cando marchou camiño de Ribadavia, o garabanés ignoraba que probablemente aquela conversa fora atendida con interese por un seu asasino.

Cara ás tres do serán, o garabanés viña de volta pola Corredoira, entre Cenlle e San Amaro. Detrás dunhas penas agardábao a morte. Os asasinos cortáronlle o paso, disparáronlle e deixárono no camiño.

Serafín viña de pedir esmola por Salamonde. A súa mala administración e máis a afección ao viño fixeran da esmola o seu modo de vida. O sol do verán rabuñaba no lombo e na testa, e Serafín deitouse á sombra dun carballo.

Ao sentir o disparo, Serafín espertou sobresaltado, a tempo de ver o corpo do garabanés caer do cabalo.

Mentres o cabalo, asustado, galopaba dereito á casa, preto de Maside, Serafín puido ver aos asasinos apañar a carteira do garabanés morto. E recoñeceunos. Eran dous veciños de Cenlle.

De volta en Lentille, aínda asustado e atordado, bateu cunha veciña e contoulle canto vira. Por canto tiña ben gañada a súa sona de bebedor, e porque ademáis os veciños de Cenlle por el sinalados viñan sendo de boas familia, a vella, alarmada e precavida, aconselloulle que calase a boca e non se metera en líos.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Da gusto que alguen recupere esas historias que algun dia foron o presente dos pobos.Gustame o teu blog
e como contas as cousas

 
ir arriba